Arranca a terceira edición do Módulo Jean Monnet sobre protección de dereitos fundamentais na UE

O curso, gratuíto e aberto ao público en xeral, prolongarase ata mediados de xullo

Por terceiro ano consecutivo, a Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo acollerá este verán unha nova edición do Módulo Jean Monnet sobre a protección dos dereitos fundamentais na Unión Europea, unha oportunidade coa que o centro busca aproximar ás persoas interesadas nesta materia a cuestións avanzadas arredor dos mecanismos de protección dos dereitos fundamentais no ordenamento xurídico europeo, especialmente os xurisdicionais.

O curso, totalmente gratuíto e aberto ao público en xeral, volverá reunir no centro arredor de medio cento de estudantes de diferentes titulacións do ámbito xurídico e social, tanto de grao como de posgrao, operadores xurídicos, activistas en dereitos humanos e público en xeral.  “Pola experiencia de anos anteriores ten asistido, sobre todo, alumnado da facultade, tanto do grao como dos distintos posgraos, particularmente do Mestrado de Avogacía, pero non só. Ademais, acostuman participar tamén numerosos profesionais máis aló do ámbito xurídico, así como alumnado procedente de titulacións como Psicoloxía e Tradución e Interpretación”, explica o profesor Ángel Aday Jiménez, administrador dunha acción que dirixe a decana da facultade, Almudena Bergareche, e do que tamén forma parte, como coordinadora de investigación, a profesora Carmen Montesinos.

Ler a noticia completa no DUVI