Ciencias Xurídicas e do Traballo recibe o Distintivo de Igualdade da UVigo

A Facultade de CC Xurídicas e do Traballo vén de sumarse aos sete centros da Universidade de Vigo que locen xa o Distintivo de Igualdade, unha insignia e un recoñecemento deseñado e impulsado para promover, visibilizar e recoñecer, pública e institucionalmente, o esforzo de moitas persoas que na nosa universidade loitan día a día por investigar, ensinar, transferir, xestionar e producir coñecemento incorporando a mirada de xénero e feminista.

No acto sinalouse que Ciencias Xurídicas destaca polas “múltiples actividades de docencia e sensibilización en materia de xénero e sensibilización de valores igualitarios que se desenvolven no centro. Tamén se puxo en valor a existencia de “fortes e estables liñas de investigación neste eido” así como PDI especializado en xénero de referencia no seu ámbito, como o catedrático Jaime Cabeza ou a profesora Marta Fernández”. Esta facultade está a formar o alumnado en perspectiva de xénero “dun xeito eficaz e destacable”, revertendo e corrixindo a chamada «xustiza patriarcal tan daniña para a nosa democracia».

Xunto co decano, Francisco Torres, recolleu o galardón Marta García Mosquera, coordinadora de igualdade do centro, que salientou que a maior satisfacción é que esta distinción “é resultado dun esforzo colectivo nun eido onde normalmente traballamos de xeito moi individual”. Tamén lembrou que “se dende o eido xurídico temos moito que dicir, é urxente que o digamos” nuns momentos nos que non só na sociedade, senón tamén dende “o propio ámbito académico, está habendo posturas claramente negacionistas e invisibilizadoras da violencia de xénero que temos que combater coa racionalidade e co noso traballo”.

Ler a nova completa no DUVI