Especialistas de universidades e da maxistratura analizan os problemas actuais do proceso penal

O proceso penal español está a vivir unha época de transformación co Anteproxecto de LECrim aprobado polo Consello de Ministros o 24 de novembro de 2020, unha proposta lexislativa que trata de substituír “á nosa vetusta Lei procesual penal, vixente desde 1882”, como explica a catedrática de Dereito Procesual da UVigo, Esther Pillado González. Precisamente este é un dos temas centrais que se debateron esta semana no Congreso internacional Problemas actuais do proceso penal, un evento que contou coa participación de máis de 70 persoas, dende expertos de universidades ata xuristas, avogados e estudantes de ciencias xurídicas.

Pillado coordina este simposio, organizado dende a Área de Dereito Procesual da UVigo, co obxectivo de realizar unha “actualización en materia de proceso penal e, por isto, analizamos todas aquelas cuestións que resultan relevantes á vista das últimas novidades lexislativas ou xurisprudenciais que se plantexaron recentemente, tanto a nivel nacional como europeo, sobre xustiza penal”. O congreso, arrancou onte xoves na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo e contou con sesións sobre as principais novidades que recolle o Anteproxecto de Lei de Enxuizamento Criminal, as modificacións incorporadas pola Ley Orgánica 8/2021, de 4 de xuño, de protección integral á infancia e adolescencia fronte á violencia, a nova Fiscalía Europea ou o inevitable impacto que xa ten e terá a intelixencia artificial no proceso penal.

En modalidade mixta, tanto presencial como virtual a través de Campus Remoto, o simposio forma parte das actividades formativas do Programa de doutoramento en xestión e resolución de conflitos. Menores, familia e xustiza terapéutica. De todas as comunicacións enviadas, que segundo Pillado destacan polo “alto nivel científico”, seleccionáronse seis que se expoñen oralmente, asinadas por docentes as universidades de Vigo, Santiago de Compostela, A Coruña, Sevilla e Pablo de Olavide.

Ler a nova completa no DUVI