Roberto Blanco Valdés e Luis Villares analizarán as restricións de dereitos fundamentais durante a pandemia

Limitacións de mobilidade, confinamentos, toques de queda, etc. A xestión da pandemia da covid-19, principalmente mentres estivo vixente o Estado de Alarma, implicou unha serie de restricións de dereitos fundamentais por razóns de saúde pública. Agora, pasados máis de catro meses dende que España puxo fin a esta situación excepcional, dende o eido do dereito consideran necesario analizar as decisións tomadas e as súas implicacións. Para facelo, este xoves a Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo acollerá a xornada Debates sobre as restricións de dereitos fundamentais en situacións de emerxencia sanitaria. A xestión da Covid-19, que contará coa participación de Roberto Blanco Valdés e Luis Villares. Esta actividade, está organizada no marco da Aula de Formación Legal do centro, e coordinada polos docentes Antonia Arias e Xosé M. Pacho. A finalidade, explican ambos, é “afondar nalgúns dos problemas que se suscitaron durante a situación de emerxencia sanitaria vivida no Estado, pola Covid-19, e na que as normas xurídicas e os dereitos fundamentais de toda a cidadanía entraron en xogo cunhas consecuencias que deben ser examinadas con rigorosidade nun sistema democrático”. Neste sentido, recalcan, “debemos reflexionar sobre se unha situación de emerxencia, da natureza que sexa, pode implicar unha limitación de dereitos e liberdades que afecten á cidadanía que ve comprometidos os seus dereitos e as súas liberdades consagradas na Constitución do Estado e nos diferentes tratados internacionais”.

A xornada está dirixida por unha banda a persoas vencelladas ao mundo do Dereito, como estudantado, profesorado e as diferentes profesións do mundo xurídico, pero tamén ao público en xeral, debido, como engaden Arias e Pacho “á actualidade do tema e a súa repercusión na práctica en aspectos como as limitacións á mobilidade, sancións, conflitos sociais, toque de queda, etc”.

Ler a nova completa no DUVI