Conferencias, talleres e seminarios dan forma a unha nova edición do ciclo de actividades sobre Dereito Marítimo

O programa arranca este martes cunha conferencia de Luz Baz Abella, coordinadora en España da ITF

O programa arranca cunha conferencia de Luz Baz, coordinadora en España da Federación Internacional dos Traballadores do Transporte

Diferentes profesionais vencellados ao sector marítimo-portuario participaran desde este martes e ata o vindeiro mes de maio nunha nova edición do ciclo de actividades sobre Dereito Marítimo, unha actividade impulsada pola Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo en colaboración co Consello Social da Universidade de Vigo e que este ano cumpre dez anos. “Nesta edición destacaría, novamente, o ter involucrado a excelentes profesionais relacionados con estes sectores, que xa teñen participado neste ciclo”, subliña o decano da Facultade, Francisco Torres, coordinador do ciclo xunto á docente Mª del Carmen Costas. “Trátase, en todos os supostos, de persoas firmemente convencidas da utilidade dunha formación universitaria pública de calidade e coa necesaria imbricación e transferencia de coñecemento entre empresa e Universidade”, recalca Torres.

O ciclo inclúe conferencias, talleres e seminarios de carácter máis específico. O programa arranca mañá martes, de 17.00 a 18.30 horas, cunha conferencia de Luz Baz Abella, coordinadora en España da Federación Internacional dos Traballadores do Transporte, unha profesional moi familiarizada cos problemas pesqueiros e que tamén coñece en detalle as dificultades das mulleres para acceder ao traballo no mar. Nesta ocasión, impartirá o relatorio Aspectos de traballo marítimo: actividade da ITF e normativa internacional, centrado nos aspectos fundamentais do convenio sobre traballo marítimo, da actividade da ITF e na función inspectora.

Ler a nova completa no DUVI