Gobernanza, sostenibilidade, boas prácticas de xestión e tecnoloxías disruptivas, as claves da contratación pública

Preto dunha vintena de recoñecidos expertos e expertas trasladarán, hoxe e mañá, os seus coñecementos aos 150 asistentes ao congreso internacional en liña Temas clave da contratación pública, que organizan Patricia Valcárcel Fernández e Rafael Fernández Acevedo, docentes e investigadores da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo da UVigo. Logo da inauguración, na que participaron ademais dos directores do congreso, o vicerreitor de Planificación e Sostibilidade, José Luis Míguez Tabarés, que destacou na súa intervención o interese que xera “un tema candente, imprescindible para o funcionamento da adminstración pública”, o congreso comezou cunha conferencia de José María Gimeno, na que o docente da Universidad de Zaragoza abordou as proposta de futuro do dereito da contratación pública na UE.

Anos despois da celebración de dous congresos sobre contratación pública que tiveron lugar en 2021 e 2015, e aos que se engaden diversos seminarios e conferencias sobre este tema, as sesións que se desenvolven hoxe e mañá se centran “en temas clave da contratación pública que están en íntima conexión cos obxectivos do congreso: a mellora da gobernanza e a xestión da contratación en loita permanente pola integridade, pola eficiencia e a calidade, a utilización estratéxica da contratación para o logro efectivos doutras políticas públicas esenciais, ambientais, sociais e de innovación principalmente, ou a aplicación de tecnoloxías disruptivas”, detalla Patricia Valcárcel. Para os organizadores do congreso a contratación pública presenta un indubidable interese por múltiples factores, “porque consume unha gran cantidade de recursos públicos (arredor do 18% do PIB), pola vinculación que ten coa demanda cidadá de importantes servizos e infraestruturas públicas, ou porque é imprescindible para o funcionamento ordinario das propias administración (necesitan sedes, ordenadores ou telefonía e auga)”, explican os directores, que sinalan ademais que ao ser a contratación pública un medio e non un fin en si mesmo, é tamén un campo especialmente propicio para estimular o avance de políticas públicas realmente importantes como a social ou a ambiental.

Ler a nova completa no DUVI