II Foro Xurídico Ibero Brasileiro: Dereitos fundamentais e democracia

Coincidindo en data co congreso de ADFAS, este luns celébrase tamén na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo o II Foro Xurídico Ibero Brasileiro: Dereitos fundamentais e democracia, unha cita que arrancou de xeito telemático en 2022 e que este ano adquiriu xa formato presencial. Participan 40 xuristas procedentes de diferentes universidades de Brasil, Portugal e da propia Universidade de Vigo co obxectivo de pórse ao día e intercambiar información sobre as investigacións que se están a levar a cabo desde os diferentes grupos de traballo.

O encontro, que tamén pode seguirse en liña,  está organizado polos profesores da Universidade de Vigo Juan Antonio Fernández Corchete, Noemí García Gestoso, María Hylma Alcaraz Salgado e Santiago Salvador Gimerno, xunto con Clodoaldo Silva da Anunciação, docente da Universidade Estadual de Santa Cruz, no Brasil. “A organización desta xuntanza xurdiu tras a sinatura dun convenio de colaboración entre ambas institucións e a idea é continuar a tradición de organizalo todos os anos”, explica a profesora María Hylma Alcaraz.

A apertura do encontro contou coa participación do decano da facultade Francisco José Torres, e os profesores Noemí García Gestoso e Clodoaldo Silva. A continuación, a sesión inaugural, moderada polo profesor Juan Antonio Hernández Corchete, xirou en torno ao tema dos Dereitos humanos na era dixital e democracia. A partir de aí o traballo organizouse en cinco mesas temáticas que se alongarán ao longo de toda a xornada e na que se tratarán cuestións como protección social e dereitos fundamentais; sustentabilidade e dereito; dereito internacional e dereitos fundamentais e as garantías da persoa ante o dereito penal expandido.

Ao abeiro da celebración deste encontro, tivo tamén lugar unha pequena xuntanza entre o reitor da Universidade Estadual de Santa Cruz, Alessandro Fernandes de Santana, e o reitor da Universidade de Vigo, que contou tamén coa participación do decano da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, así como doutros docentes, tanto de Vigo como de resto de universidades brasileiras.