Cando restan 20 días para a celebración das eleccións xerais en España, cinco docentes e investigadores da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo protagonizaron este martes unha mesa redonda centrada en dúas das cuestións que desde o punto de vista da lexislación electoral máis interese espertaron nos últimos meses: a lei de netos e o dereito a sufraxio das persoas con discapacidade. A docente da Área de Dereito Constitucional María Hylma Alcaraz; o docente da Área de Dereito Administrativo Juan Antonio Hernández Corchete; e Xosé Manuel Pacho Blanco, docente e investigador da Área de Filosofía do Dereito, centráronse en diversos aspectos da lei de netos; mentres que Jacinto Lareo Jiménez profesor da Área de Dereito Administrativo e Presidente da Fundación Sálvora centrouse na adaptacións da Ley Orgánica del Régimen Electoral General ás persoas con discapacidade para o exercicio do sufraxio activo, mentres que a docente e investigadora Paula Martínez Molares da Área de Dereito Procesual abordou a tutela xurisdicional do dereito de sufraxio a raíz da Lei 8/2021.
O decano da FCCXXT, Pablo Grande Seara, felicitou e agradeceu, na inauguración da xornada, á Delegación de Alumnos e Alumnas a organización da xornada, “porque o estudantado da facultade está en contacto coa realidade e son conscientes das problemáticas xurídicas que se plantexan día a día”. Grande tamén trasladou o seu agradecemento ás e aos docentes que participaron na mesa redonda “desinteresadamente e dedicando unha parte da súa actividade a preparar as ponencias que nos levan a todos a reflexionar sobre estes dous eixes temáticos, que tamén precisan ser abordados, máis aló da perspectiva xornalística, desde a xurídica, que é o que aquí nos afecta”.
O avance imparable das novas tecnoloxías, especialmente a intelixencia artificial, representa un reto para case todos os sectores, tamén para a xustiza. As evidencias penais de orixe dixital están cada vez máis presentes: audios, capturas de pantalla, mensaxes e conversacións electrónicas, correos electrónicos, arquivos, documentos dixitais, datos almacenados en teléfonos móbiles e computadores, datos de xeolocalización, algoritmos... Tanto é así, que a día de hoxe no 85% dos procesos penais é preciso manexar fontes de proba dixitais coas implicacións que isto ten á hora de garantir un equilibrio entre que a evidencia sexa fiable e lexítima e respecte os dereitos fundamentais.
Co obxectivo de contribuír á reflexión e o intercambio de coñecemento neste eido entre especialistas de diferentes universidades, a Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo celebra esta semana o Congreso Internacional Cuando la evidencia penal es digital: fiabilidad, control y garantías procesuais. Á fronte da organización está a catedrática e vicerreitora Esther Pillado González e o profesor e decano do centro, Pablo Grande Seara. A cita arrancou este xoves no edificio Redeiras e, como explican os organizadores, trátase de “favorecer un debate académico que resulta cada vez máis necesario ante a evolución da tecnoloxía e o seu impacto na xustiza penal. O reto consiste en atopar un equilibrio entre a eficacia da investigación penal e a protección dos dereitos fundamentais. A innovación tecnolóxica debe contribuír a unha xustiza máis eficaz, pero tamén debe ser compatible coa transparencia, o control e as garantías que caracterizan a un Estado de dereito”.
Especialistas das tres universidades galegas analizan este xoves na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo da Universidade de Vigo os 45 anos do Estatuto de Autonomía de Galicia. Fano no marco do III Encontro de investigadores/as en Dereito Constitucional, un espazo de reflexión sobre a evolución do autogoberno galego e os seus retos constitucionais, institucionais e competenciais. Organizado pola Área de Dereito Constitucional, a xornada conmemora o aniversario do Estatuto reunindo profesionais do ámbito xurídico e académico arredor dunha efeméride clave para a historia da autonomía galega.
Entre as persoas participantes destaca o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices, un “observador privilexiado” de todo este proceso, tal e como se referiu a sí mesmo, non só porque conte cunha experiencia de trinta anos como deputado, os últimos 11 como presidente da Cámara, senón tamén pola súa propia experiencia persoal, como médico dedicado durante moitos anos á xestión sanitaria. “Como xerente do, daquela, Hospital Xeral de Vigo fun testemuña directa de como asumir as competencias en sanidade cambiou de xeito radical a asistencia sanitaria en Galicia”. Lembrou, nesta liña, como este proceso permitu levar a cabo un desenvolvemento sanitario “absolutamente exemplar”, pasando dunha situación chea de carencias a “convertirnos en referencia en múltiples áreas”.
Como debería ser o dereito nun mundo no que os grandes desafíos económicos, ambientais e sociais transcenden as fronteiras dos estados? O prestixioso xurista e filósofo do Dereito italiano Luigi Ferrajoli (Florencia, 1940) abordou este mércores esta cuestión na Universidade de Vigo, onde presentou o seu proxecto de Constitución da Terra, unha proposta dirixida a frear o que experto denomina “poderes salvaxes” dos estados soberanos e dos mercados globais, factores que, ao seu modo de ver, escapan aos controis democráticos tradicionais.
Ferrajoli, doutor honoris causa por máis de 40 universidades de todo o mundo, proposto para o Premio Princesa de Asturias e considerado un dos principais referentes internacionais da Filosofía do Dereito, acudiu a Vigo para participar nas conferencias inaugurais do Programa de Doutoramento en Ordenación Xurídica do Mercado, nun repleto salón de actos da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo.
A idade, o xénero, a condición migrante ou as novas formas de traballo asociadas á dixitalización poden situar as persoas traballadoras en situacións de maior vulnerabilidade. Os retos que estas realidades presentan para o Dereito do Traballo centraron este luns o seminario internacional Desafíos sociais á gobernanza das relacións laborais, celebrado na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo.
Organizado polo grupo de investigación de Dereito Mercantil e do Traballo e coordinado polos profesores Jaime Cabeza Pereiro e Emma Rodríguez Rodríguez, a xornada reuniu especialistas de España, Arxentina e Uruguai e serviu tamén para presentar o libro Los desafíos sociales a la gobernanza de las relaciones laborales: la vulnerabilidad en el empleo, publicado recentemente pola editorial Bomarzo.
As tensións internacionais, os conflitos armados, os fluxos migratorios, as crises económicas ou as dinámicas de poder global inflúen directamente na produción normativa e na actuación dos poderes públicos. Conscientes desta realidade, este martes celebrarase en Vigo o V Foro Xurídico Ibero-Brasileiro, un encontro internacional que reúne arredor de 40 profesionais do ámbito académico e xurídico de España e Brasil para analizar os retos actuais do Estado de Dereito nun contexto global marcado pola xeopolítica.
O encontro arranca mañá martes ás 09.30 horas cun acto de apertura que contará coa participación da vicerreitora de Internacionalización, Maribel del Pozo Triviño, xunto con Adriana dos Santos Marmori Lima, reitora da Universidade do Estado da Bahia; Pablo Grande Seara, decano da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, centro no que ten lugar o encontro, xunto cos coordinadores do evento, os profesores Clodoaldo Silva da Anunciação, por parte da Universidade do Estado da Bahia, e Juan Antonio Hernández Corchete, profesor titular de Dereito Administrativo da Universidade de Vigo.
A Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo volve converterse esta primavera en punto de encontro entre os profesionais do sector marítimo e as mozas e mozos que están a formarse para incorporarse en breve ao mundo profesional. Falamos da posta en marcha dunha nova edición, e xa van XV, do Ciclo de actividades sobre Dereito marítimo, unha iniciativa coordinada polos docentes Francisco Torres e Carmen Costas ao fío da materia sobre esta cuestión que se imparte no cuarto curso do Grao en Dereito.
Trátase de achegarlle ao alumnado a realidade profesional e os retos actuais do sector marítimo, incluíndo a actividade portuaria, o comercio internacional e as oportunidades laborais neste ámbito. Ao tempo, búscase tamén abrir esta actividade a todo o profesorado, persoal administrativo e de servizos da Universidade de Vigo, así como a calquera persoa interesada que desexe asistir - todas as charlas son gratuítas e totalmente abertas-.
O catedrático de Dereito Mercantil Julio Costas foi elixido este martes novo valedor universitario da UVigo na sesión extraordinaria do Claustro celebrada na Facultade de Comunicación do campus de Pontevedra. A candidatura do profesor da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo recibiu 66 votos a favor, catro en contra e dúas abstencións na segunda rolda de votacións desenvolvida nesta sesión, á que Costas Comesaña concorría como único candidato á Valedoría Universitaria. Xunto á súa elección, o Claustro completouse coa presentación da segunda diagnose do acoso sexual e acoso por razón de sexo na Universidade, por parte da directora da Unidade de Igualdade, Yolanda Rodríguez.
Tras esta votación, Costas toma o relevo da catedrática de Dereito Procesual Esther Pillado á fronte do órgano encargado de velar polos dereitos e liberdades da comunidade universitaria. A súa candidatura, como explicou o reitor, Manuel Reigosa, é resultado dunha “proposta de consenso” acadada polas tres persoas que anunciaron que concorrerían ás eleccións á Reitoría do mes de maio. Prodúcese despois de que non fose posible elixir un novo valedor ou valedora no Claustro celebrado no mes de decembro, no que as candidaturas presentadas por Maribel Doval e Xosé Manuel Cid non acadaron os votos esixidos no regulamento.
A Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo elixiu este xoves ao profesor Pablo Grande Seara como novo decano, en substitución de Francisco José Torres Pérez, que exercía o cargo desde novembro de 2019, os últimos meses como decano en funcións, tras producirse unha primeira convocatoria de eleccións o pasado outono á que non se presentara ningunha candidatura. Finalmente, as eleccións celebráronse este xoves con Grande Seara como único candidato, sendo elixido en Xunta de Facultade por 26 votos a favor, 14 en contra, 3 votos en branco e un voto nulo.
Membro do Grupo de Dereito Procesual e cunha dilatada traxectoria en postos de xestión, Grande Seara estará acompañado na dirección da facultade polas profesoras María Antonia Arias Martínez, como vicedena de Dereito, e Belén Fernández Docampo, como vicedecana de Relacións Laborais e Recursos Humanos; xunto con Emma Rodríguez Rodríguez como vicedecana de Posgrao e Formación Continúa; Paula Martínez Molares, como vicedecana de Calidade e Acción Titorial, e Pablo Riquelme Vázquez, como secretario. “Pablo Riquelme, Antonia Arias e Belén Fernández, xa formaban parte do actual equipo decanal, ocupando os mesmos cargos, polo que xa teñen unha ampla experiencia”, explicou o xa novo decano.