Facultade de CCXXT

Estudos de Grao en Dereito

O título de Grao en Dereito comeza a impartirse na Universidade de Vigo no curso académico 2009/2010, unha vez superando o proceso de verificación, e substitúe á Licenciatura en Dereito.

Este Grao proporciona unha formación básica sobre os conceptos básicos do Dereito, e un fundamento teórico e práctico da estrutura do ordenamento xurídico nacional, comunitario e internacional, e, en particular dos contidos normativos das distintas ramas do Dereito.

Estes estudos proporcionan unha formación global e polivalente, de alto rigor académico, interdisciplinar, por medio do estudo de materias como a económica, a ciencia política, os dereitos humanos, etc., e especializada poñendo énfase nas novas formas de traballo que se derivan do uso intensivo das tecnoloxías da información e o coñecemento como o comercio electrónico.

O grao en Dereito ten como obxectivo formar a profesionais expertos que apostan por unha atención prioritaria ás cuestións xurídicas derivadas da revolución tecnolóxica nun mundo en transformación.

O Grao de Dereito, en tanto que servizo público, debe ofrecer ao estudante unha formación que o capacite para adaptarse aos permanentes cambios sociais e á esixencia de resposta rápida e especializada do actual mercado de traballo, o que se acentúa pola vertixinosa obsolescencia dos contidos, particularmente dalgunhas disciplinas xurídicas.

O Grao de Dereito proposto busca unha formación de alta calidade, que prepare aos estudantes para desenvolverse de xeito eficiente e efectiva nunha ampla gama de funcións e actividades cívicas e profesionais, proporcionando un ámbito de aprendizaxe fundamentado na calidade e o coñecemento e no desenvolvemento dun pensamento crítico e innovador, inculcando aos futuros graduados o compromiso de seguir buscando o coñecemento e o sentido de responsabilidade para poñer a súa formación ao servizo do desenvolvemento social.

Así, a obtención do Grao en Dereito pola Universidade de Vigo dará acceso ao mercado de traballo para o desenvolvemento das diversas profesións de contido xurídico, ben mediante o exercicio autónomo da profesión, ben a través de oposición ou outros sistemas de selección para o emprego público, pero tamén, e de xeito especial, mediante a incorporación ao mundo empresarial, capacitando plenamente ao estudante para o exercicio das profesións xurídicas vinculadas ao mundo da empresa.